A ASOCIACIÓN CULTURAL E XUVENIL ITACA VIAXA A ESTONIA CO PROXECTO 'DIALOGUE FOR TOMORROW'
CELEBRARASE O PRIMEIRO 'GRAND-MEETING' DE DIÁLOGO INTERXERACIONAL NO QUE PARTICIPARÁN OS ZOQUEIROS CRUCEÑOS ALFONSO E ELENA FERRO, E OS MÚSICOS ORDENSES CÉSAR BOQUETE E ÁLVARO IGLESIAS. AMBAS PARELLAS REPRESENTARÁN A TRANSMISIÓN INTERXERACIONAL DO PATRIMONIO CULTURAL EN GALICIA.
A Asociación Cultural e Xuvenil ITACA viaxa a Estonia do 16 ao 20 de outubro para participar no cuarto encontro do proxecto 'Dialogue for Tomorrow' que desenvolve dende agosto do ano pasado en parcería con organizacións polacas, estonas, eslovenas, austríacas e lituanas, e co asesoramento de Xandobela, entidade con dilatada experiencia no desenvolvemento e aplicación deste tipo de proxectos.
O proxecto 'Dialogue for Tomorrow', apoiado pola Comisión Europea a través do programa 'Grundtvig' de Aprendizaxe Permanente, é unha iniciativa baseada na experiencia e historia de vida dos nosos/as maiores e a aprendizaxe mutua entre xeracións, e busca traballar a promoción do diálogo interxeracional a través do desenvolvemento de actividades e o intercambio de boas prácticas.
Do 16 ao 20 de outubro, desenvolverase en Viljandi (Estonia) un grande encontro de parellas interxeracionais provintes dos diferentes países implicados no proxecto e no que se dará mostra de boas prácticas do diálogo interxeracional e da transmisión natural de saberes. Para a ocasión, desprazaranse ata Estonia representantes de Itaca e Xandobela cuns invitados de excepción: por unha banda acompañaranos Elena Ferro de Merza (Vila de Cruces), a terceira xeración de zoqueiros da súa familia, xunto co seu pai, Alfonso Ferro, de quen aprendeu o oficio, e que traballan xunto coa súa familia para manter vivo un oficio tradicional actualmente en extinción, facendo del un modo de vida. Para elo, Elena modificou o uso tradicional dunha peza creada para cubrir unha necesidade básica converténdoa nunha peza adaptada ás tendencias actuais da moda. A partir de madeira de ameneiro, coiro de poldro e vaca curtido vexetal e engraxado e cromo encerado, cravos, goma reciclada, grampas, chatolas... crean unha nova liña de zocos realizada con deseños e cores atrevidos acorde coas tendencias da moda, inspirados na natureza e no mundo animal como os zocos 'voa mariquiña voa' que foron galardoados co Premio Artesanía Contemporánea Antón Fraguas, onde o xurado premiou a visión contemporánea, refrescante e sen complexos, demostrando que a tradición e a modernidade son perfectamente compatibles.
Por outra banda acompañaranos César e Álvaro, un gaiteiro e un tamborileiro da comarca de Ordes que non chegan aos 35 anos, pero que aprenderon das persoas maiores da redonda levando hoxe vellas melodías e xeitos de festexar á actualidade.
Máis información:
Proxecto 'Dialogue for tomorrow' http://dialoguefortomorrow.wordpress.com
Asociación cultural e xuvenil Itaca https://www.facebook.com/Itaca.AsociacionXuvenil
Xandobela http://www.xandobela.info/
Programa Grundtvig http://www.oapee.es/oapee/inicio/pap/grundtvig.html