Biblioteca Vivente: 'A lingua viva'



    Unha Biblioteca Vivente é unha biblioteca na que os libros son persoas. Persoas con singulares historias de vida ou que posúen determinados coñecementos e que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo cos usuarios/as. Para ser un Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade. Todos somos potenciais Libros e Lectores.


    A Biblioteca Vivente é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo. É un proxecto de dinamización do coñecemento que convida a indagar e a descubrir aspectos novidosos sobre o tema proposto dende a propia experiencia e dende os propios intereses. Axuda a combater o descoñecemento, ignorancia, prexuízos e estereotipos dunha maneira activa e vivenciada.

    Celebrada por primeira vez en Dinamarca no ano 2000 e promovida dende o 2001 polo Consello de Europa como ferramenta de educación intercultural, a celebración de Bibliotecas Viventes é un fenómeno que comeza a espallarse polo mundo.


    Este atractivo formato é innovador no contexto galego (é a segunda Biblioteca Vivente que se organiza en territorio galego) e ofrécenos a oportunidade de dinamizar espazos para a lectura e o coñecemento, dunha maneira enteiramente vivencial e participativa, polo que se traballan tamén valores e actitudes que coa mera consulta de libros e documentación non é posible: motivación, construción activa de coñecemento, relacións sociais, autoestima, capacidades de comunicación e escoita...


    Entre os días 22 e 25 de novembro desenvolveremos oito sesións na Casa das Palabras-Verbum con mozos/as dos primeiros anos de Secundaria. É a nosa intención evidenciar a existencia de prexuízos lingüísticos para poder rachar con eles, dignificar a nosa lingua e fomentar o seu uso entre a mocidade. Trátase de pór en contacto á mocidade con persoas galegofalantes para achegarlle as súas experiencias vencelladas co uso da lingua, dun xeito eminentemente directo, vivencial e participativo.


    Un total de doce libros vivos van estar dispoñibles nas distintas estanterías da Biblioteca Vivente no Verbum durante esas catro xornadas, para que os alumnos/as de Secundaria de Vigo (os lectores/as) os consulten e os lean dun xeito enteiramente interactivo. Cada sesión terá unha duración aproximada de unha hora e corenta minutos, nos que cada rapaz/a consultará tres libros en períodos de vintecinco minutos.


Descargar o catálogo de Libros Viventes


Participar na Biblioteca Vivente




Xandobela Normalización Biblioteca Vivente Verbum Fundación Celta