Biblioteca Vivente 'A Lingua Viva'

en

Logo da exitosa experiencia da 1ª Biblioteca Vivente celebrada na xeografía galega no mes de febreiro en torno
ao intercambio interxeracional, e merecedora dun recoñecemento por parte
do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia no
1º Concurso de Proxectos de Educación Social 'Memorial Toni Julià'
, desenvolverase entre os días 22 e 25 de novembro, na Casa das
Palabras-Verbum, a 2ª Biblioteca Vivente na que se tentará rachar cos
prexuízos lingüísticos en torno á nosa lingua. A Biblioteca Vivente 'A
Lingua Viva' porá en contacto a mozos/as
vigueses/as dos primeiros anos de Secundaria con doce libros vivos
galegofalantes para achegarlles, a través do diálogo e
dun xeito eminentemente directo,
vivencial e participativo
, as súas experiencias vencelladas co uso da
lingua.

Os libros vivos que conforman o catálogo desta
Biblioteca Vivente son coñecidos/as deportistas, célebres profesionais
do audiovisual e da música, das novas tecnoloxías, da arqueoloxía,
profesionais do ámbito da xustiza, dende neofalantes de orixe viguesa
ata neofalantes nados/as noutros recunchos do planeta, sen esquecer aos
'Tesouros Vivos', testemuñas de vida que pretenden dar visibilidade a
experiencias vitais con respecto ao emprego da lingua dende un punto de
vista histórico.

Xandobela, Xestión e Dinamización Sociocultural e o Servizo de
Normalización Lingüística do Concello de Vigo organizan a segunda
'Biblioteca Vivente' na xeografía galega.
O proxecto versa sobre unha
novidosa metodoloxía
para a dinamización e difusión participativa do coñecemento e a
confrontación dos propios prexuízos a través do achegamento a outras
realidades sociais e culturais. Nunha
Biblioteca Vivente os libros son persoas que difunden a súa experiencia
a través da interacción, entrevista e diálogo cos 'lectores/as'.
Para ser un
Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón
contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras
persoas que descoñecen e teñen curiosidade.

Para saber máis da primeira Biblioteca Vivente "Os Tesouros Vivos", nos seguintes enlaces:
reportaxe fotográfica
"como se fixo"
reportaxe tvg