O 2018 foi un ano de moitas alegrías para Xandobela. Continuamos con moitas das iniciativas que máis nos definen: as campañas escolares de dinamización lingüística e divulgación cultural por todo o país, difusión do coñecemento e patrimonio cultural a través das Bibliotecas Viventes (este ano foron 3! Todo un récord!), fomentando o patrimonio lúdico en todas as idades, creando rede e coordinando os proxectos europeos de promoción da lectura e desenvolvemento de técnicas innovadoras no eido do patrimonio cultural inmaterial, alentando a participación xuvenil...
Mais tamén iniciamos outros proxectos nos que levamos anos traballando na sombra e que por fin podemos presentar. O proxecto "Tesouros vivos" ve a luz grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña a través da súa liña de subvencións para a produción de proxectos singulares.
E que é o proxecto "Tesouros vivos"? Pois se trata dun proxecto que busca visibilizar a memoria colectiva e o patrimonio cultural inmaterial galego a través dos seus protagonistas, os chamados “tesouros vivos”, termo acuñado pola UNESCO para denominar a testemuñas de vida relevantes, portadoras de saberes de alta significancia para a comunidade ou de manifestacións humanas en perigo de desaparecer.
O proxecto vertébrase en tres tipoloxías de actuacións:
a) Búsqueda, rexistro e edición: identificación e entrevista de persoas cunha historia de vida significativa en relación ao territorio e ao patrimonio cultural inmaterial. Permite coñecer de primeira man a historia e cultura da contorna a través dos seus protagonistas reais, dos chamados “Tesouros Vivos”.
b) Didáctica: elaboración de materiais didácticos con propostas de actividades e recomendacións pedagóxicas destinados a traballadores/as no ámbito da xuventude (educadores/as, mestres/as, animadores/as socioculturais...).
c) Dinamización: deseño e desenvolvemento de actividades de dinamización para mozos/as para explorar e explotar as potencionalidades das recollidas e para que o impacto sexa maior.
Contamos co apoio do Museo do Pobo Galego na identificación dos "tesouros vivos" e da Illa Bufarda no rexistro e edición dos vídeos.
Podemos seguirnos nas RRSS e, sobre todo, na web do proxecto: https://www.proxectotesourosvivos.gal/