Unha Biblioteca Vivente é unha biblioteca na que os libros son persoas. Persoas con singulares historias de vida ou que posúen determinados coñecementos e que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo cos usuarios/as. Para ser un Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade. Todos somos potenciais Libros e Lectores.
A Biblioteca Vivente (BV) é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo. É un proxecto de dinamización do coñecemento que convida a indagar e a descubrir aspectos novidosos sobre o tema proposto dende a propia experiencia e dende os propios intereses. Axuda a combater o descoñecemento, ignorancia, prexuízos e estereotipos dunha maneira activa e vivenciada.
Este atractivo e innovador formato ofrécenos tamén a oportunidade de dinamizar espazos para a lectura e o coñecemento, dunha maneira enteiramente vivencial e participativa, polo que se traballan tamén valores e actitudes que coa mera consulta de libros e documentación non é posible: motivación, construción activa de coñecemento, relacións sociais, autoestima, capacidades de comunicación e escoita...
Nesta ocasión, a que xa é a nosa quinta experiencia xunto coa concellaría de Normalización Lingüística do concello de Vigo, e baixo o título 'Vai de Tesouros' deseñamos un 'catálogo' con doce Libros Vivos; Libros que representen aos Tesouros Vivos (testemuñas de vida relevantes e vinculadas co Patrimonio Cultural Inmaterial e a Historia de Vigo) e Libros que representan a Lingua Viva (a lingua como tesouro: pór en contacto á mocidade con persoas galegofalantes para achegarlle as súas experiencias vencelladas co uso da lingua). Entre o 8 e o 11 de abril un total de 800 alumnos/as dos centros de Secundaria de Vigo se achegaron ao Verbum Casa das Palabras nas 8 sesións desenvolvidas.